Trátase dun espectáculo cómico, protagonizado por Felipe Díaz "Caxoto" e Pedro Brandariz. Un espectáculo sobre as festas, celebracións populares, e outros eventos que marcan a cultura e a forma de ser das galegas e galegos.
As vindeiras datas de representación serán:
Sábado 3 de Maio. 22:00. En La Tuerka 27. A Coruña
Sábado 24 de Maio. Teatro da Beneficencia. Ortigueira.
Venres 22 de Agosto. Miño.
O Espectáculo
“Radio Torreiro” é unha emisora radiofónica, e en cada función teatral faise unha emisión en directo co público como protagonista, e único receptor.
Esta emisora tan particular é temática: encárgase de recoller toda a información vencellada coas festas, verbenas, romarías e demáis celebracións populares que poboan Galicia durante todo o ano.
Os actores irán debullando os diferentes programas da grella onde se irán recollendo as escenas máis cómicas das festas: os bailes da sesión vermouth, as encherolas das festas, as repichocas das verbenas, as incómodas situacións á hora de pedir para a festa… Todo dende un punto de vista humorístico e mordaz que provocará as gargalladas do público.
A compañía
Felipe Díaz “Caxoto” e Pedro Brandariz conforman a compañía escénica DINAMOteatro, dende o ano 2006. Especializados en espectáculos cómicos DINAMOteatro utiliza un humor baseado nas técnicas do clown, da narración oral e sobre todo na improvisación e interacción co público.
Cos seus espectáculos teñen percorrido boa parte da xeografía galega levando as gargalladas alí onde chegan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario