sábado, 2 de abril de 2011

DINAMO vai de pateada coa ANDARELA

Este sábado 2 de Abril a equipa de Educación Ambiental de DINAMO levou a unhas 30 persoas a facer o Roteiro Mariñan “A Costa Doce” que discorre polo litoral dos concellos de Sada e Oleiros.

A actividade xurde da iniciativa da Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña dentro do programa “Andarela. Pateando o país” que leva varios anos organizando rutas de interpretación ambiental por toda Galicia.

Mozas e mozos de 18 a 30 anos descubriron a beleza das paisaxes da costa ártabra, así como a súa biodiversidade, riqueza patrimonial … e sobre todo participaron nunha actividade grupal amena, divertida, e didáctica.

Na primeira fase comezamos a ruta no barrio mariñeiro de Fontán (Sada) e rematamos no porto pesqueiro de Lorbé (Oleiros). Posteriormente visitamos a contorna dos Faros de Mera, así como o Centro de Interpretación “Casa do Fareiro”.

Os itinerarios ambientais e culturais que organizamos dende DINAMO susténtanse nos principios da Educación Ambiental, Interpretación do Patrimonio, Dinámica de Grupos, … co obxectivo primordial de que mediante unha experiencia satisfactoria e enriquecedora as mozas e mozos coñezan os principais espazos naturais de Galicia, e sobre todo concienciar para a súa conservación.

A vindeira edición de ANDARELA será o 7 de maio de 2011, na que visitaremos o Monte Pindo e a súa contorna.




No hay comentarios:

Publicar un comentario